O BELÉN ARTESANAL VIUSE OBRIGADO A AMPLIAR O SEU HORARIO ANTE A AVALANCHA DE XENTE DURANTE A FIN DE SEMANA

– Numerosas excursións e multitude de visitantes chegaron a Campaña atraídos pola sona do nacemento

– A asociación Amigos do Belén celebra o vindeiro sábado a gala Valgueses do Ano

Valga, 18 de decembro de 2023.

A capacidade do Belén Artesanal en Movemento para atraer visitantes a Valga non deixa de sorprender. Se durante a ponte da Constitución foron máis de 10.000 as persoas que se achegaron a Campaña atraídas pola sona do nacemento, a pasada fin de semana non foi menos e, de feito, foi necesario ampliar o horario de apertura para que ninguén quedara sen ver a montaxe.

A situación vivida o domingo reflicte á perfección esa avalancha de turistas. Pola mañá chegaron ata o Belén once autobuses cargados de excursionistas e pola tarde outros cinco. As procedencias foron do máis diverso: Asturias, Cambados, Ponteareas, Celanova, Fisterra ou Vigo, por citar algunhas. E a isto houbo que engadir os centos de persoas que chegaron en pequenos grupos familiares ou de achegados. A afluencia obrigou a ampliar en dúas horas a apertura do nacemento: de 11:30 a 14:30 pola mañá e de 16:30 a 21:30 pola tarde. “Foi unha invasión, un dos días de maior asistencia da historia do Belén. Houbo colas e colas de xente durante toda a xornada e algúns estaban preocupados pensando que íamos pechar sen que puideran entrar, pero aquí mentras haxa xente non se cerra”, indican dende a asociación Amigos do Belén.

O sábado “tamén houbo moitos autobuses e tivemos que abrir durante toda a mañá –cando habitualmente está pechado– xa que chegaban continuamente. Foi unha fin de semana moi boa”, conclúen dende Amigos do Belén.

Horarios e solicitude de cita

O Belén Artesanal estará aberto ata o día 14 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra deste horario pódese solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.

A vindeira fin de semana, o colectivo Amigos do Belén ten ademais outra cita no Auditorio Municipal coa celebración da gala Valgueses do Ano, na que se premiará a persoas e colectivos de Valga que, por diversos motivos, destacaron durante 2023. Será a partir das 19:30 horas horas con entrada gratuíta e con actuacións do Mago Marco, o humor de As dúas EPunto, un espectáculo de regueifas e fin de gala co Dúo Reflejos.

Skip to content