O BELÉN, QUE XUNTOU 7.300 EUROS NA SÚA TÓMBOLA BENÉFICA, SUPEROU OS 9.000 VISITANTES NA PRIMEIRA SEMANA DE APERTURA

  • Os cartos recadados serán destinados integramente aos damnificados polas inundacións en Valencia
  • O venres e o domingo foron as xornadas nas que se congregaron máis visitantes

Valga, 10 de decembro de 2024.

O Belén Artesanal en Movemento superou durante a súa primeira semana de apertura as 9.000 visitas, coincidindo coas últimas datas festivas, que adoitan estar entre as de maior afluencia do Nadal. Así o certifica a presidenta da Asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, que indica que o venres, Día da Constitución, e máis o domingo foron as xornadas nas que o nacemento recibiu máis visitas ata do de agora. “Foron dous días nos que tivemos continuamente colas de xente agardando para entrar” ao nacemento.

A presidenta calcula que durante a pasada semana, entre o luns e o domingo, achegáronse a Campaña a ver o Belén unhas 8.000 persoas, ás que hai que engadir ás arredor de 1.000 que se reuniron no día da inauguración, e iso a pesar da forte tormenta que caeu durante a tarde. Excursións chegadas dende diferentes puntos de Galicia e de España, grupos de achegados e familiares ou visitas escolares e de entidades sociais… Cada vez son máis diversas as fórmulas para visitar o Belén de Valga, que está declarado de Interese Turístico de Galicia.

Ademais, durante a pasada fin de semana celebrouse a tómbola solidaria que, dende fai varios anos organiza a asociación Amigos do Belén. Nesta edición xuntáronse fondos para os damnificados polas inundacións na Comunidade Valenciana e o resultado fala por si solo: 7.300 euros, “a cantidade máis elevada que recadamos dende que se celebra a tómbola”, di Mari Carmen Castiñeiras. Entregáronse uns douscentos agasallos doados por empresas, entidades e veciños de Valga e doutros concellos da zona. Televisores, diferentes electrodomésticos, garrafas de aceite, cestas de Nadal ou xamóns foron algúns dos regalos máis cobizados. Dende Valga marcharon premios para lugares moi diferentes da xeografía galega, para varias provincias españolas e incluso un para Caracas (Venezuela).

Ir o contido