- A edición número trinta abrirá ao público este domingo a partir das 17:30 horas, con entrada gratuíta para todos os visitantes
- Bello Maneiro deu folgos aos Amigos do Belén nestes últimos días traballo e agradeceulles o esforzo que realizan para que Valga brille durante o Nadal
Valga, 27 de novembro de 2024.
O Belén Artesanal en Movemento apura os últimos días previos á inauguración da súa edición número trinta, que terá lugar este domingo, 1 de decembro, a partir das 17:30 horas. En vésperas da apertura, o alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, achegáronse ata o local de Campaña para dar folgos aos membros da Asociación Amigos do Belén, animalos resta recta final e agradecerlles o traballo que realizan e que permiten que Valga sexa, Nadal tras Nadal, un dos focos de atracción de visitantes.
O Belén, que está declarado de Interese Turístico de Galicia, permanecerá aberto ata o día 12 de xaneiro e poderá visitarse de luns a venres de 17:30 a 20:30, os sábados de 17:00 a 20:30 e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30. A entrada segue sendo gratuíta.
Máis de 45.000 visitantes acudiron a ver a última edición, unhas cifras que demostran que o Belén de Valga, realizado de xeito completamente artesanal, é unha das atraccións de Nadal preferidas dos galegos, pero tamén de xentes doutros puntos de España e incluso do estranxeiro, que se manteñen fieis e seguen deixándose sorprender polas incorporacións que, ano tras ano, se fan ao nacemento para recompilar os acontecementos de maior relevancia a nivel local, rexional, nacional e internacional. Estas novidades son o segredo mellor gardado do Belén ata a súa posta en funcionamento.
Tómbola a beneficio dos damnificados pola DANA
Como vén sendo habitual nos últimos anos, a asociación Amigos do Belén celebrará unha tómbola solidaria que, nesta ocasión, recadará fondos para os damnificados polas inundacións na Comunidade Valenciana. Terá lugar o sábado, 7 de decembro, a partir das 16:30 horas nos exteriores do Belén. Cada boleto terá un custo de 3 euros, ou tamén poderán adquirirse dous por 5 euros. En caso de que non se esgoten os regalos, a tómbola continuará na tarde do domingo, día 8.
Todas aquelas persoas ou entidades que queiran aportar agasallos poden facelo no local do Belén todos os días de 18:30 a 20:30 horas.