NENOS E MAIORES DE PONTEVEDRA E EXCURSIONISTAS DE OURENSE E CASTELA ESTREARON AS VISITAS GRUPAIS AO BELÉN ARTESANAL

  • O nacemento pode visitarse de xeito gratuíto de luns a sábado pola tarde e os domingos tamén pola mañá
  • Este sábado celébrase unha tómbola solidaria a beneficio dos damnificados polas inundacións en Valencia

Valga, 5 de decembro de 2024.

O Belén Artesanal en Movemento recibiu esta semana as primeiras visitas concertadas de grupos procedentes de diferentes localidades galegas e tamén doutras provincias de España, que non quixeron perder a oportunidade de descubrir a nova montaxe e os personaxes de actualidade que acompañan ao Neno Xesús no nacemento.

Excursionistas de Celanova (Ourense) e de varias cidades castelás (Burgos, Valladolid e León) foron algúns dos grupos que estiveron nos últimos días en Campaña, así coma a Escola Infantil Pipo, de Pontevedra, que desprazou a máis de trinta cativos de dous anos, e o Centro de Día A tu lado, tamén da cidade do Lérez. Estas visitas programadas serán continuas durante as vindeiras semanas, ata que o Belén se peche ao público o día 12 de xaneiro.

Nesta ponte que dá comezo mañá é habitual que se rexistren as xornadas de maior afluencia de público ao Belén Artesanal, tanto excursións coma familias e grupos de achegados que aproveitan as datas festivas para cumprir coas tradicións do Nadal, entre elas a visita ao Belén de Valga.

Ademais, durante esta fin de semana celébrase a tómbola solidaria organizada pola asociación Amigos do Belén para xuntar fondos a beneficio das persoas afectadas pola DANA na Comunidade Valenciana. A tómbola dará comezo o sábado ás 16:30 horas e os boletos poderán adquirirse por 3 euros a unidade ou dous por 5 euros. Os participantes optarán a gañar centos de regalos que foron aportados de xeito desinteresado por veciños, casas comerciais, empresas de outras entidades de Valga e doutras localidades da contorna. En caso de que non se entreguen todos os agasallos, continuarase coa tómbola o domingo pola tarde.

Ir o contido