Historia

O Belén Artesanal en Movemento de Valga é unha das composicións do Nadal máis espectaculares de Galicia. Entre as súas características principais atópanse as súas grandes dimensións de espazo, que todas as súas figuras e elementos sexan feitos a man e, sobre todo, que non se limita a recoller escenas típicas da tradición relixiosa, senón que incorpora tamén elementos da actualidade local, autonómica, nacional e internacional.

A tradición da montaxe de beléns é moi antiga e son moitos os fogares que contan co seu propio belén no Nadal. Tamén institucións e algún organismos públicos montan ou patrocinan a elaboración de beléns. Así é como nace o Belén de Valga. No ano 1995 un grupo de veciños e veciñas participa nun obradoiro do concello consistente en pintado de figuras do belén, que, una vez rematado, conformaría o belén do concello e sería exposto no salón de plenos. A gran afluencia de veciñanza a velo, foi o xérmolo do que hoxe en día é o Belén de Valga.

Son moitos os beléns que durante o Nadal se montan ao longo de toda a xeografía galega e española. Pero este belén non só se reduce a representar a escena de “o nacemento”. O contexto da escenografía é unha aldea galega, en especial unha aldea de Valga. Polo tanto as escenas pincipais que se representan, non son ambientadas nun deserto, con camelos, aínda que se poden atopar. A ambientación é a tradición cultural e etnográfica galega. Deste xeito podemos ver como nunha casa están a realizar a tradicional matanza do porco ou como unha señora muxe unha vaca, entre outras moitas escenas da Galicia rural. Créanse así varios espazos que pouco a pouco van sendo descubertos polos/as nosos/as visitantes.

O traballo de verdade para nós empeza todos os anos en setembro, coa decisión das escenas a elaborar e a planificación da distribución das máis de 3.000 pezas, das cales máis de 300 teñen movemento, nos aproximadamente 250 m2 que ocupa o belén. Consta, ademais, con varias bombas de auga, unhas 8.000 lámpadas e uns 30.000 metros de cableado. Todo é modificado anualmente, incorporando sempre novas figuras, así como, novos decorados e escenas.

Xunto ás escenas relixiosas clásicas como os Magos de Oriente ou o nacemento, poderánse atopar escenas típicas da Galicia tradicional (o ferreiro, colleita do trigo, a elaboración de viño e de bagazo para a augardente, a Santa Compaña…). Tamén, claro está, escenas locais (distintas procesións que se celebran ao longo do ano no concello, a Festa da Xuventude, as escavacións arqueolóxicas…). Entre as figuras atópanse personaxes ilustres do municipio de Valga como A Bella Otero e Xesús Ferro Couselo.

A actualidade social e política tamén ten cabida. Son escenas escollidas entre os acontecementos de maior relevancia social. Esta é una parte do belén que serve de espello da actualidade, pero tamén ten un carácter humorístico e, ás veces, de crítica social que crea sorrisos en cada visitante, convertíndose nas escenas máis buscadas. Por iso, entre todas elas, sempre colocamos un personaxe famoso oculto, o cal o/a visitante debe buscar. O gañador/a deste xogo levará unha das figuriñas do belén.

As figuras e decorados están feitos de papel, escaiola, pasta de modelar, arame, madeira, pedra, teas…, sendo un traballo completamente artesanal. No belén non hai nada comprado, todo é artesanal e a maioría das veces reciclado. Basta dicir que todos os motores que moven as figuras son motores usados de limpiaparabrisas, cepillos de dentes eléctricos e motores eléctricos de todo tipo. Esta tradición artesanal non está rifada coas novas tecnoloxías, xa que, a través dun ordenador e un programador simúlanse as distintas fases do día así como outros efectos (luz, son, neve, tronos,…).

Estes aspectos orixinais fan indubidable a singularidade deste belén que atrae unha gran afluencia de público. Nas últimas edicións estímase unha afluencia de 40.000 visitantes. Outros elementos que hai que ter en conta son o carácter popular e participativo desta actividade, na que destaca o traballo, entusiasmo e dedicación de moitos/as veciño/as. Ademais contribúe a manter a tradición belenística e, por outra, destaca a vertente formativa ao mostrar oficios xa desaparecidos.

Hoxe en día, está considerado como o belén artesanal en movemento máis grande de Galicia e un dos máis importantes de España. É un dos acontecementos sociais e culturais máis importantes e esperados do ano, e non só para os/as valgueses/as, senón tamén, para miles de persoas que deciden trasladarse desde diferentes puntos de Galicia (e diferentes rexións de España) ata a nosa localidade.

A nosa ilusión principal é entreter á xente coas nosas pequenas e entrañables figuras traballadas a man, que transmiten máxicas escenas despertando en cada persoa o espírito do Nadal.

Ir o contido