- O CRA de Valga e dous colexios de Boiro foron os centros educativos que concertaron cita nos últimos días
- Outros dos grupos que estiveron en Campaña procedían de Noia, Vigo, A Pobra e Vilagarcía
Valga, 13 de decembro de 2024.
Entre a multitude de visitas que acumula o Belén Artesanal en Movemento dende que se inaugurara, o pasado 1 de decembro, atópanse as de centros educativos, grupos de viaxeiros ou entidades de carácter social coma as que pasaron esta semana por Campaña para visitar o nacemento fóra do horario habitual de apertura, previa solicitude de cita.
O CRA de Valga foi un dos protagonistas da semana. O alumnado das escolas de Vilarello, Ferreirós, Xanza, Chenlo e Forno achegáronse entre o luns e o xoves ao Belén, onde o pasaron en grande vendo as figuriñas con movemento e, especialmente, na parte da montaxe dedicada ao público infantil na que recoñeceron a todos os seus personaxes favoritos. A sexta escola que forma parte do CRA acudirá a ver o nacemento o vindeiro luns, día 16.
Ademais, outros dous colexios do concello de Boiro desprazáronse nos últimos días a Valga para gozar co Belén e pasar unha mañá diferente como complemento á actividade lectiva que realizan habitualmente nos seus centros. Tratouse dos centros Praia Xardín e Santa Baia, de Boiro, que en total mobilizaron a 52 alumnos de 4º curso de Primaira.
Aos maiores tamén lles encanta o Belén de Valga e, de feito, dous centros de día, o de Vilagarcía e o de A Pobra do Caramiñal, elixírono como unha das actividades coas que celebrar as festas de Nadal. E tamén outras entidades de carácter social adoitan visitar o nacemento valgués, como fixeron hoxe mesmo o colectivo A Creba, de Noia, que traballa pola atención e integración de persoas con enfermidades mentais, e a asociación Con eles, creada por familiares de persoas con discapacidade intelectual e que ten a súa sede en Vilagarcía.
Na mañá do mércores coincidiron en Campaña dous grupos de sendeiristas que, ademais, de visitar o Belén coñeceron outros recunchos e lugares de interese de Valga. Por unha parte, “Os merendainas”, con integrantes de Noia, Santiago e Dodro, entre outras vilas. Unhas vinte persoas participaron nun percorrido son saída no Belén e que os levou ata a praia de Vilarello, as telleiras, o miradoiro da Perdiz en Vilar, o miradoiro do Muíño de Vento de Beiro e a Mina Mercedes. Por outra parte, o grupo “Tarabelos” de Vigo, formado por oito persoas, fixeron unha ruta por Casal de Eirigo, as fervenzas de Parafita e Raxoi, San Miguel e o parque Irmáns Dios Mosquera.
Por último, subliñar tamén a visita de dous grupos de excursionistas que están a participar no programa de termalismo da Deputación de Pontevedra.
O Belén Artesanal, que está declarado de Interese Turístico de Galicia, estará aberto ata o día 12 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra deste horario pódese solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.