– Os grupos poden solicitar cita chamando ao número de teléfono 630 95 25 15
– Hoxe á tarde celébrase a Tómbola Solidaria a beneficio da AECC, con multitude de agasallos en xogo
Valga, 17 de decembro de 2022.
Centros educativos, centros de día e asociacións e excursionistas de distintas localidades galegas e incluso de fóra da nosa comunidade estrearon esta semana as visitas concertadas ao Belén Artesanal en Movemento. Rexistráronse case unha vintena de grupos fóra do horario habitual de apertura do nacemento, que esta fin de semana volverá a vivir unhas xornadas multitudinarias. Para hoxe e mañá domingo está prevista a chegada de numerosos autobuses con excursionistas e, ademais, celebrarase a tómbola solidaria a beneficio da Asociación española contra o cancro.
As visitas de centros de ensinanza inaugurounas o CRA de Valga, que entre o luns, o mércores e o xoves achegou a Campaña aos 86 alumnos das escolas de Vilarello, Xanza, Chenlo, Ferreirós, Forno e Campaña. Outros dos colexios que aproveitaron as últimas xornadas antes das vacacións de Nadal para visitar o Belén foron o CPI Santa Baia de Boiro, que desprazou a 28 rapaces de 3º curso de Primaria; o IES A Xunqueira de Pontevedra, que viaxou con 48 alumnos da materia de Relixión de 1º da ESO e 1º de Bacharelato; e o colexio Juan Sebastián Elcano, que chegou cunha trintena de estudantes dende a cidade do Lérez.
Os maiores tamén son adeptos do Belén Artesanal, de feito nestes días visitárono usuarios de varios centros de día, coma os de Cuntis, Moraña ou Vilagarcía. Ademais, foron varios os grupos de excursionistas do programa DepoTermal que visitaron o nacemento, entre eles unhas 80 persoas aloxadas no Balneario de Cuntis, 33 no Gran Talaso e outras 46 no Carlos I, ambos en Sanxenxo. A través deste programa, ademais de gozar de estadías termais en diferentes establecementos, os maiores participantes coñecen a provincia de Pontevedra con diferentes excursións, unha delas a Valga que inclúe, ademais do Belén, unha parada na lagoa Mina Mercedes.
A relación de visitas desta semana tamén ten espazo para asociacións de diversa índole. Andaina Pro Saúde Mental desprazou a dous grupos de usuarios en dúas xornadas diferentes ata Campaña. Este colectivo ten por obxectivo fomentar a autonomía persoal e a integración social das persoas con problemas de saúde mental para o seu pleno desenvolvemento en sociedade, así como prestar apoio ás súas familias e achegados. Amipa, asociación de familias de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar, con sede en Rois, foi outra das que elixiron a visita ao Belén como actividade lúdica e cultural para os seus usuarios; ao igual que A Creba, de Noia, e que dende hai 21 anos traballa pola atención e integración de persoas con enfermidades mentais. Estiveron no nacemento cun grupo de 15 persoas, das 65 que atenden en total.
Ademais destes colectivos, outros excursionistas chegados de diferentes localidades galegas e incluso doutras comunidades recalaron durante as últimas xornadas no Belén. Por exemplo, un grupo de case 30 persoas procedente de Ourense ou outro de Oviedo (Asturias) con 45 viaxeiros.
O nacemento permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o 8 de xaneiro. Entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17:00 a 20:30 e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 20:30 pola tarde. Os grupos poden concertar cita fóra de este horario a través do número de teléfono 630 95 25 15.