– O nacemento incorpora os acontecementos de maior relevancia social, política e deportiva do último ano
– Estará aberto ata o día 14 de xaneiro, con entrada gratuíta
Valga, 3 de decembro de 2023.
Abriuse a cortina e, con ela, unha nova edición, a número vinte e nove, do Belén Artesanal en Movemento, que dende hoxe converte a Valga nun dos principais escenarios do Nadal en Galicia. Para mostra, a expectación xerada pola estrea do nacemento, con centos de veciños e visitantes ateigando o local para ser os primeiros en descubrir a nova montaxe creada pola asociación Amigos do Belén, e iso a pesar da desapracible tarde.
A inauguración, conducida por Héctor Bermúdez, contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, e do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, aos que acompañaron Mari Carmen Castiñeiras, presidenta de Amigos do Belén; o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; o deputado autonómico Fernándo Pérez; representantes da Corporación Municipal e o párroco Arturo Lores, que se encargou da parte relixiosa do acto. Máis tarde incorporouse tamén Nava Castro, anterior directora de Turismo e agora alcaldesa de Ponteareas, que é unha gran entusiasta do Belén.
Bello Maneiro felicitou aos membros de Amigos do Belén polo seu “traballo espectacular e desinteresado” que fai que o nacemento sexa unha realidade cada ano. “Sobran as palabras, porque os feitos están aí e miles e miles de persoas veñen a Valga para visitar o Belén. Iso fai, ademais, que coñezan outros lugares do concello”. O director de Turismo referiuse ao de Valga coma “un dos beléns máis importantes de Galicia” e Mari Carmen Castiñeiras afirmou que o traballo realizado “paga a pena se a xente o desfruta”.
Declarado de Interese Turístico de Galicia, o Belén Artesanal conta cunhas 4.500 pezas dispostas nuns 400 metros cadrados. Ambientado nunha vila galega (Valga) o percorrido permite contemplar paisaxes e costumes propias do rural galego, que conviven con escenas da tradición belenista e do Nadal. Ademais, recrea acontecementos de actualidade, converténdose nun anuario que repasa os sucesos máis relevantes do ano a nivel local, nacional e internacional en ámbitos coma a política, o deporte ou o entretemento. O seu carácter artesanal é o seu principal sinal de identidade, con pezas feitas a man e, moitas delas, con movemento.
As figuras e escenas incorporadas a esta edición foron o segredo mellor gardado dende que, a mediados de outubro, comezaron os traballos de renovación do Belén. Por exemplo, os actos de entronización do rei Carlos III de Inglaterra, coa coroación na Abadía de Westminster e o percorrido en carruaxe polas rúas de Londres. A Casa Real española adoita ser unha fonte continua de contido para o nacemento e, nesta ocasión, coa Princesa Leonor como protagonista indiscutible, xa que aparece xurando a Constitución no Congreso tras cumprir a maioría de idade e tamén xurando bandeira na Academia de Zaragoza na que recibe formación militar. E, no ámbito político, o último proceso electoral está representado dende o cara a cara entre Sánchez e Feijóo ata as negociacións para a formación do novo goberno e a polémica amnistía.
Outro dos acontecementos de maior repercusión en España estivo relacionado co deporte, co trunfo da selección feminina no Mundial de Fútbol. As campioas teñen o seu merecido recoñecemento no Belén, no que tamén se recolle a polémica suscitada pola actuación de Luis Rubiales, e que acabou provocando a súa saída da Federación.
Hai homenaxes póstumas, coas figuras de persoeiros que faleceron nos últimos meses, coma o xornalista deportivo Pepe Domingo Castaño, Tina Turner, Carmen Sevilla, María Jiménez, Antonio Gala ou María Teresa Campos. No ámbito televisivo, os “Mozos de Arousa”, que están a arrasar no programa Reacción en Cadena, teñen a súa réplica en miniatura. E, no referente ao “papel couché”, Ana Obregón coa súa neta e as vodas de Tamara Falcó e Chabelita Pantoja son algunhas das novidades máis salientables.
En clave local, incorpórase ao nacemento o Miradoiro da Perdiz, un dos lugares de Valga que está a atraer a un maior número de turistas dende que, no verán, foi recuperado polos veciños de Vilar a través do programa Embelecer Valga. Os festexos do Corpus, coas alfombras florais como principal expoñente, son outro elemento de nova creación e, en ton de humor, recóllese unha das anécdotas que más deu que falar en toda España nas últimas eleccións municipais: a entrada dunha cabra no colexio electoral de Igrexa (Setecoros).
Ao marxe da actualidade, o Belén tamén renova este ano outros dos seus elementos centrais. Por exemplo, o castelo de Herodes, completamente novo e construído con mármore beige. Ten 1’60 metros de ancho e 80 centímetros de alto e conta con portas metálicas que abren para deixar saír a Herodes e aos seus soldados. Tamén a Pousada e o pesebre son de nova creación, neste caso feitos con madeira.
O Belén Artesanal estará aberto ata o día 14 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra deste horario pódese solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.