– O nacemento poderá visitarse os venres e sábado de 19:00 a 20:30 horas ata marzo
– Esas son as xornadas establecidas para cobrar a lotería do Neno da asociación Amigos do Belén, premiada con 8 euros por cada participación
Valga, 9 de xaneiro de 2023.
O Belén Artesanal en Movemento pechou onte domingo o período de apertura regular da súa XXVIII edición, a primeira de total normalidade trala pandemia, e fíxoo rexistrando cifras de visitantes moi próximas ás anteriores a 2020. Preto de 35.000 as persoas que se achegaron ao nacemento de Campaña nas cinco semanas transcorridas dende a inauguración, o primeiro domingo de decembro.
A primeira semana foi a que sumou un maior número de visitas, cos días da inauguración e a ponte da Constitución como datas máis animadas, pero en xeral “sempre tivemos xente, incluso entre semana houbo colas e onte aínda recibimos algúns autobuses”, destaca a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras.
A montaxe deste Nadal tivo unha gran acollida entre o público, con escenas coma o funeral da raíña Isabel II, a vaga de incendios do verán ou a actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest como algunhas das máis aplaudidas polos visitantes. Aquelas persoas que non tiveran ocasión de contemplar o Belén durante o período de Nadal, aínda terán unha última oportunidade, xa que estará aberto os venres e os sábados de 19:00 horas a 20:30 ata o 11 de marzo.
Nestas xornadas será cando se efectúe o pagamento das participacións da Lotería do Neno distribuídas pola asociación Amigos do Belén, que xogaba neste sorteo o número 56641. As participacións están premiadas con 8 euros cada unha e as persoas posuidoras deben achegarse ao local do Belén nos días antes citados: venres e sábados de 19:00 a 20:30 horas sendo a data límite o 11 de marzo.
Gañador do concurso
Onte á noitiña resolveuse, ademais, o concurso para localizar, entre as 4.500 figuras do Belén, a un personaxe famoso seguindo unha serie de pistas. Nesta ocasión tratábase do futbolista do Betis, e agora tamén presentador de televisión, Joaquín. O gañador foi un rapaz de Porto do Son que, como premio, podería elixir a figura que máis lle guste do nacemento entre as que non teñen movemento.