O BELÉN ARTESANAL PECHOU A EDICIÓN DOS RÉCORDS CON PRETO DE 50.000 VISITANTES

  • “Foi a mellor edición de todas, será difícil de superar”, indica a presidenta da asociación Amigos do Belén
  • As persoas que non puideran velo durante o Nadal teñen unha última oportunidade: os venres e sábados ata o 23 de marzo

Valga, 16 de xaneiro de 2024.

O Belén Artesanal en Movemento pechou o domingo o período de apertura regular da súa XXIX edición. Foi o ano dos récords e, dende os primeiros días de apertura, se percibiu unha cantidade de público maior que provocou, especialmente nas fins de semana e xornadas festivas, largas colas e grandes esperas que non fixeron decaer a expectación, nin moito menos. Entre 45.000 e 50.000 visitantes pasaron polo nacemento nas seis semanas e media nas que estivo aberto ao público.

Durante a ponte da Constitución o aluvión de xente foi enorme e o Belén chegou a recibir a máis de 5.000 persoas nunha soa xornada. A tendencia, lonxe de decaer, mantívose na seguinte fin de semana con outra avalancha de visitantes e excursionistas chegados dende practicamente toda Galicia e diferentes puntos de España, o que obrigou a ampliar o horario de apertura do Belén para que ninguén quedara sen ver a montaxe.

“Pensamos que tocaramos teito, pero non. Hai máis xente ca nunca e máis colas ca nunca”, destacaba a comezos de xaneiro Mari Carmen Castiñeiras, presidenta da asociación Amigos do Belén, explicando que incluso en xornadas coma Nadal ou Aninovo, nas que tradicionalmente se producían poucas visitas, este ano tiveron un incremento moi notable de xente. O mesmo sucedeu nesta última semana de apertura. “Sempre era bastante baixa en cando a visitas e, nesta edición, houbo moita xente”.

O balance é “boísimo” en todos os sentidos, confirma Mari Carmen Castiñeiras. “Tanto por afluencia de xente, porque nunca pensamos en chegar a estas cifras de visitantes, coma mediaticamente, cunha repercusión espectacular. Será complicado de superar, pero seguiremos traballando para conseguilo” de cara á vindeira edición, na que se cumprirá o trinta aniversario do Belén.

Aquelas persoas que non tiveran ocasión de contemplar o Belén durante o período de Nadal, aínda terán unha última oportunidade, xa que estará aberto os venres e os sábados de 19:00 horas a 20:30 ata o 23 de marzo, xornadas designadas por Amigos do Belén para o pago das participacións de lotaría agraciadas no Sorteo do Neno.

Ademais, os grupos tamén poden organizar visitas ata comezos do mes de outubro solicitando cita previa no teléfono 630 95 25 25. Para este sábado xa hai unha fixada, a cargo dun grupo de sendeiristas que tamén acudirán a ver as fervenzas de Parafita e Raxoi.

Skip to content