O BELÉN ARTESANAL REXISTROU ESPERAS DE ATA DÚAS HORAS E MEDIA DURANTE AS FESTAS DE NADAL

  • “Estamos sorprendidos coa afluencia, hai colas incluso entre semana”, indica a presidenta da asociación Amigos do Belén
  • Ante un público cada vez máis numeroso introducíronse cambios nos horarios, abrindo tamén os sábados pola mañá

Valga, 3 de xaneiro de 2025.

O Belén Artesanal está a ser un auténtico fervedoiro de xente durante estas festas, confirmando que cada ano son máis e máis fieis os seguidores desta montaxe, a máis grande de Galicia con movemento, que nos somerxe no espírito do Nadal pero que, ademais, nos permite recordar os acontecementos máis relevantes e os personaxes que brillaron con luz propia durante o último ano.

“A cantidade de xente está a ser unha barbaridade”, confirma a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras. “O ano pasado recibimos moitísimas visitas, máis ca nunca, pero esta edición non se está a quedar atrás, con colas durante todas estas festas, tanto en días festivos coma en xornadas laborais e entre semana”. Cita, como exemplos, o propio día de Nadal ou o 1 de xaneiro, días nos que “habitualmente sempre viña pouca xente e, neste caso, foi todo o contrario. É algo que nos sorprende ata a nós mesmos”.

Outro factor novidoso, continúa a presidenta, é que as concentracións de visitantes prodúcense tamén entre semana. “Ata o de agora era pouco frecuente que se formaran colas entre semana, pero este ano está a ser así. Estamos sorprendidos”. Ante esta continua afluencia de persoas teñen no Belén de Valga un dos seus referentes turísticos no Nadal, a asociación Amigos do Belén decidiu introducir cambios nos horarios de visita, abrindo tamén os sábados pola mañá. “Xa o vimos facendo nas dúas últimas semanas. Tiña que ser así porque, aínda que só se abría con cita previa para grupos, a xente viña igual. Por iso decidimos que será un cambio permanente”, anuncia Mari Carmen Castiñeiras.

Deste xeito, os horarios de apertura son: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; sábados, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra deste horario pódese solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.

Ir o contido